11 de mayo de 2016

Dvorak Building

Agora que estou metido nun traballo no que teño que modelar bastante, volvín collerlle o vicio. Fixen algúns edificios que tiña en mente, ou en libretas que rescatei dos meus tempos no bacharelato. Nótase a influencia dun videoclip que xa posteara aquí, ata o punto de que collín algúns dos rañaceos tal cual, tentando replicalos o mellor posible.

Recordei tamén que tiña tres follas de libreta cun deseño bastante detallado que puiden facer entre clases no seu momento. O que comezou sendo unha torre moi hermética duns 50 metros, rematou sendo un rañaceos de case 400m, Art Déco, por suposto. Gústame definilo como Decopunk  mais que Dieselpunk, pois non chega a ser ese edificio sucio, sobrio e autoritario como adoitan aparecer neste xénero. Para quen non os coñeza (aínda que tedes ahí as ligazóns á Wikipedia), o Dieselpunk é o retrofuturismo entre os anos 20 e 50, coa guerra de por medio e tecnoloxías mais avanzadas, pero baseadas no diesel da época (como no Steampunk o vapor). O Decopunk é mais ou menos o mesmo, pero sen a 2ª Guerra Mundial polo medio, polo que é todo moito mais utópico e "bonito" (desculpade a mala descripción, pero se gostades do tema, podedes consultar as wikis en inglés, moito mais completas e con bos exemplos).

Voltando ao tema, no seu día, comezara a modelar, tras unir todos os debuxos nun grazas ao Photoshop; pero quedou no comezo da base:

O debuxo inicial. Representa só a metade esquerda, pois a idea era unha simetría total.
Á dereita, nunha folla aparte vese a idea do edificio en si, co que viría enriba noutras páxinas.


O mostrenco en si.

O modelo 3D do edificio, o día que decidín facelo non tiña demasiada inspiración.
Esa imaxe do comezo está datada en outubro do 2012, e ata hai unhas semanas, quedou asi. Un ataque de nostalxia levoume a revisar as carpetas do 3D, que a día de hoxe seguen aloxadas aínda nunha chamada "Google". Cando vin o modelo, a inspiración que non tiven no seu momento, combinado co aprendido en mais de tres anos, foron suficientes como pra rematalo. O Dvorak comezou a alzarse dixitalmente tras un letargo similar ao das obras comezadas cando estoupou a burbulla inmobiliaria. Por certo, o nome do edificio vai dedicado obviamente a un dos compositores románticos mais salientables ao meu parecer.

Nas seguintes capturas, vese como foi medrando, variando detalles do deseño orixinal (coma por exemplo substituir o aluminio por ouro en detalles e balaustradas, a simplificación de patróns...)

Rematando a sección mais baixa (agás a porta, que logo esquecín e fixen ao final)
A transición entre 1ª e 2ª sección. Canto mais subía, mais detalle aplicaba.
Remate da 2ª sección. Os detalles metálicos seguen a ser grises. Non sei o uso nin finalidade deses ferros negros
diante das fiestras, pero estaban no deseño e danlle un toque de complexidade inútil que me namorou.
3ª sección finalizada. O negro puro supostamente debe iluminarse á noite. O reloxo mide uns 20m de diámetro
e é o deseño antigo. Noutros posteriores comecei a usar reloxos de 20 horas, cousas da distopía na que existe o Dvorak.
O comezo do pináculo. O ouro fai acto de presencia. Nesta zona existen
detalles de un centímetro de precisión, estando a 300m de altitude.
Un intento de render aprendendo a usar o Vray. Aínda non levo ben aplicar materiais que reflictan a luz,
cousa que debería facer o ouro. Xa están substituidos os metais por ouro en moitos dos detalles, e mesmo
no reloxo, que agora tamén emite luz para facelo visible ás noites. Nótese a carencia de portas para acceder
ás azoteas, nunca fun amigo de facelas, sendo sincero...
Finalmente, a porta. Xa dixen que non son a miña especialidade.

Un detalle das balaustradas, os patróns que recorren a torre e o deseño
que tanto me gusta, colocado pola mesma unhas cantas veces.

Un blueprint do modelo rematado. Por darlle un aire antigo.


Como quedou bastante longo o post, vou deixar para o próximo día a continuación cuns renders do conxunto. Agardo que o blog non morra, aínda que quedara bastante abandoado durante estes anos.

Agradezo comentarios ao respecto!

2 comentarios: